Presentación

As poboacións de aves nun territorio flutúan ao cabo do tempo por distintos fenómenos que teñen que ver, tanto coa dinámica propia das poboacións naturais, como cos cambios ambientais inducidos pola actividade humana.

Esta dinámica de cambios ambientais ven sendo moi manifesta en Galicia dende os anos 70 do século XX, onde os cambios socioeconómicos reflíctense nunha serie de cambios territoriais que levan á modificación dos hábitats e, en último termo, tamén dos ecosistemas.

Podemos ilustrar a afirmación anterior indicando que, por exemplo, a superficie forestal en Galicia incrementouse paulatinamente nas últimas 4 décadas. Este incremento debeuse, fundamentalmente, a un fenómeno constante de desagrarización do territorio e ao incremento dos cultivos forestais de especies de crecemento rápido como o piñeiro e o eucalipto. Non obstante, nalgunhas zonas do territorio tamén se recuperou superficie de bosque autóctono.

A superficie agraria útil (SAU) diminuíu en torno ás 150.000 ha nos últimos 40 anos. A principios dos anos 70 do século pasado, arredor da metade dos galegos  traballaba no sector primario. A día de hoxe, esa porcentaxe non chega ao 5% do total. Neste período a poboación galega pasou a ser eminentemente urbana e, actualmente,  a poboación rural supón soamente o 24% do total de Galicia.

A superficie ocupada por infraestruturas industriais (estradas, autoestradas, polígonos industriais) incrementouse ostensiblemente dende hai 40 anos. Igualmente, as infraestruturas recreativas e turísticas (paseos marítimos e fluviais, urbanizacións, etc…) pasaron a dominar gran parte da nosa costa  e algúns espazos do interior.

Todos estes cambios aconteceron no territorio galego nas últimas catro décadas e motivaron cambios nos ecosistemas e,  por extensión, nas súas poboacións de aves.
O IX Congreso Galego de ornitoloxía, principal foro de encontro da ornitoloxía en Galicia, terá lugar en Pontevedra o último fin de semana de novembro de 2016, e analizará os efectos dos cambios ambientais e territoriais nas aves galegas.